O Centro Téxtil de Blönduós (Islandia) acolle a segunda reunión do Proxecto Erasmus+ de ALLURE
A pequena localidade islandesa de Blönduós, ao noroeste da illa, acolleu os días 7 e 8 de setembro a segunda reunión do grupo de entidades participantes no proxecto Erasmus+ ALLURE (Alfabetización Liberadora: accesibilidade Universal en Recursos culturais para a Educación permanente). O proxecto ten por finalidade coñecer a realidade da cultura en Europa desde a óptica da inclusión e a accesibilidade cultural, os retos que enfrontan e as posibles solucións a estes retos, como primeiro paso para achegar unha verdadeira cultura inclusiva.
O Centro Téxtil Islandés de Blönduós promove e desenvolve materiais téxtiles islandeses e internacionais. Colabora en proxectos de investigación en áreas importantes para a rexión e fomenta as sinerxías, a educación e a innovación no campo dos téxtiles, a arte téxtil e o deseño tradicional e innovador. Domiciliada no edificio histórico de Kvennaskólinn, un antigo Colexio de Mulleres, a Residencia do Centro Téxtil ofrece aos estudantes, académicos e artistas visitantes espazos de traballo para levar a cabo a súa práctica artística, investigación, residencias e viaxes de estudo dentro dos téxtiles con materiais. Tamén fomentan a participación de estudantes adultos en zonas rurais do país utilizando novas ferramentas e tecnoloxías e desenvolvendo actividades de intercambio cultural.
O equipo que conforma o proxecto ALLURE visitou tanto as dependencias do Centro Téxtil como o Fablab, situado moi próximo ao centro, e tamén o Museo Téxtil, único en Islandia e aberto en 2003, que alberga un gran espazo para exposicións e mostras da historia do téxtil no país.